É o punto máis occidental da península do Barbanza, unha zona rochosa de pequenos cantís e vexetación protexida incluída no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Este é un lugar perfecto para a observación de aves migratorias que buscan refuxio nos cantís e nos areais. Destacan o corvo mariño moñudo e as gaivotas arxéntea, sombría e patiamarela.
Nun dos extremos do cabo atópase o Faro de Corrubedo, construído en 1853 por Celedonio Uribe. Dende aquí pódese ver unha fermosa estampa das dunas e distinguir as luces doutros faros afastados como os de Fisterra e Cíes.